Thursday 09 de May de 2024

Elena Aycart expón Madagascar: a illa única na casa da cultura pobrense


A casa da cultura Raquel Fernández Soler alberga dende hoxe, 3 de decembro, e ata 6 de xaneiro a
exposición fotográfica Madagascar: a illa única, de Elena Aycart. As encargadas de efectua-la inauguración foron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG- PSOE), e a propia artista, Elena Aycart.
A edil Patricia Lojo manifestou que dende a Área da Cultura continúan apostando por este tipo de actividades para achegarlle á veciñanza da Pobra o traballo de diferentes artistas. A dita mostra componse dun total de 28 imaxes, as cales cualificou como “espectaculares”, que reflicten a realidade deste anaco de África “·tan descoñecido para moitos”.Segundo apuntou, con esta exposición preténdese “non soamente resalta-lo aspecto estético, senón algo moito máis profundo que conteñen: a realidade que hai detrás desta illa” para sensibilizar sobre ela.
Pola súa parte, a fotógrafa Elena Aycart (Madrid, 1990) explicou que Madagascar destaca por un ecosistema rico, con gran parte da fauna e flora endémicas, pero tamén ten que facer fronte a problemas humanos e ambientais.Entre os seus maiores desafíos está a deforestación, que supón un reto para a
poboación local e para a biodiversidade, á cal hai que suma-la porcentaxe de persoas que viven por debaixo do limiar da pobreza e sofren malnutrición. Así, o obxectivo deste proxecto fotográfico é dar a coñecer esta realidade e reflexionar sobre as posibles solucións, para que no futuro Madagascar continúe a ser unha illa única.
A viaxe tivo lugar a finais de 2019 da man da Sociedad Geográfica Española e de Emma Lira, redactora de guías para Lonely Planet e colaboradora da National  Geographic.
Tamén indicou que actualmente está ligada á localidade, ademais de se atopar inmersa na realización dunha serie de acuarelas e pinturas relacionadas coa Pobra para “visibilizar esta zona”.
As visitas pódense realizar de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.